A Asociación Cultural Canle desenvolve a súa labor en Lira, pobo da Costa da Morte localizado no Concello de Carnota.
Na nosa paisaxe deténse o tempo para ollar ó Monte Pindo de fronte, o “Olimpo Celta”, fonte de numerosas lendas, e para descorrer de vagar á beira do océano atlántico, alá onde se transforma en rías para descansar no berce das montañas.
Durante a época prehistórica xa existían asentamentos poboacionais na zona, como manifestan os petroglifos achados no monte de Carnota,Mallou e Lira e temos tamén constancia da cultura castreña a través dos castros de Lira e Mallou.Mais o seu estado de conservación non é o desexable, en especial o de Lira, dado que moitos fogares do lugar foron construídos enriba do castro.
Descoñecemos de onde provén o topónimo Lira, mais sí de outros nomes da zona, como Carnota, Cornido,..que derivan de voces preceltas como “carn”, e “corn”(compartidas coa Coruña) , emparentadas co vocablo pedra ou pedregal.
Durante o medievo estas terras formaban parte do antigo condado de Cornatum, rexidos polos condes de Lemos e Trastámara.As fortalezas do condado foron derruídas polas revoltas irmandiñas do ano 1467, como a de San Xurxo, sita no Pindo, e a de Canedo.
Durante a época moderna tivo unha importancia crucial a introducción do millo e a pataca.Proba da importancia do millo naqueles tempos son os dous hórreos do concello, os máis grandes de Galicia, ambos con 22 pares de pés: o parroquial de Lira con 36,54 metros, e o de Carnota con 34.73 m.Analizando estos datos, dende Canle promovemos a realización dun catastro de todos os hórreos do Concello, obtendo un resultado de máis de 900 cabaceiras.
A mediados do século XVIII, coa chegada dos cataláns ás costas galegas con novas artes de pesca, en especial para a explotación da sardiña, a pesca sofre un grande revés, producíndose incluso varias revoltas contra os cataláns en toda a costa da morte.
Actualmente non se conservan arquivos parroquiais anteriores ó 1809, data na que as tropas de Napoleón arrasaron a zona, no contexto da Guerra da Independencia.
Xa na época contemporánea, cabe destacar a visita de Castelao a Lira, durante a Campaña Electoral para o Estatuto de Autonomía de 1936.Os arquivos municipais amosan uns resultados case 100% favorables ó Estatuto en relación aos votantes, agás polas 3 persoas de Canedo que votaron en contra, e os votos en blanco.
Non podemos tampouco esquecer o episodio do naufraxio da fragata "Ariete" nas nosas costas e do rescate do que saíron ilesos os seus 168 tripulantes,grazas a persoas anónimas de Lira e Lariño,no 1966.
Na actualidade, a explotación económica na zona segue sendo eminentemente mariñeira,sendo destacable a actividade da piscifactoría de rodaballo de Lira, entre as máis amplas de Europa, así como o “Proxecto Mardelira”, impulsado pola cofraría de pescadores para a creación e protección dunha reserva mariña de interese pesqueiro, dirixida á conservación e recuperación das especies explotadas, posibilitando a sustentabilidade do ecosistema da zona.
Dende a Asociación Cultural pretendemos facer un chamamento a toda colaboración que permita pór de relevo todo o noso patrimonio sociocultural e histórico.
Formamos parte dun entorno máxico, cun valor descoñecido por moitos, que coa nosa pequeniña aportación e esforzo tentaremos deixar de manifesto.