Muros do 6 ó 12 de xullo de 2.009

 

“A gran festa do patrimonio maritimo e fluvial de Galicia”

 

Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

 

Comisión Organizadora:

Asociación Mar de Muros

Asociación Canle de Lira


IX ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA

 

 Muros, do 6 ó 12 de Xullo

 

        

 

 

 

INTRODUCIÓN

O TERRITORIO COMO PATRIMONIO INTEGRADO.

 

Enténdese como cultura o conxunto de coñecementos e manifestacións dun grupo social, desenvoltos nun entorno natural específico, utilizados para interpretar a súa experiencia e xerar comportamentos. Podemos dicir, pois, que no desenvolvemento dunha comunidade, dende as fases temperás de subsistencia ata as de coñecemento e explotación racional do seu medio, existe un conxunto de interaccións home-medio natural, das cales algunhas pasan a formar parte do acervo común desa sociedade. Unha parte deste acervo que reúne crenzas, tradicións, coñecemento empírico ou experimental así como as súas expresións materiais, conforma o patrimonio que poderiamos definir como o conxunto de obxectos relacionados co desenvolvemento cultural dunha sociedade que son estimados polos individuos contemporáneos, non só polos seus valores estéticos ou pola súa utilidade, senón tamén, como unha expresión do seu propio desenvolvemento.

 

Normalmente os obxectos materiais relacionados coas artes e cos cultos relixiosos tiveron en xeral un grao de protección maior que aqueles propios do desempeño dunha actividade laboral, que en  moitos casos desapareceron, especialmente coa chegada da industrialización e coas evolucións tecnolóxicas, aínda que nalgúns casos foron postos en valor en museos. Para iso, os bens son significados mediante a súa exhibición e/ou interpretación científica.

 

Con todo, sendo importante o traballo dos museos, ás veces o patrimonio intanxíbel asociado ás pezas, vinculado tanto ó saber facer do comunidade que as fixo como á función que desenvolvían, pérdese ou simplemente, está descontextualizado. Porén, en determinados sitios que aínda conservaban inmobles e mobles noutrora e cun medio natural a penas alterado leváronse a cabo actuacións integrais de salvagarda, mesmo recuperando a funcionalidade dos edificios e maquinarias, rescatando, en definitiva, oficios desaparecidos ou a piques de desapareceren. Son os chamados ecomuseos, que vencellan o territorio á memoria colectiva, á poboación e ó patrimonio asociado. En 1973 Georges-Henri Rivière introduciu o termo ecomuseo para definir un instrumento, un espello, unha expresión do home e a natureza, unha expresión do tempo, unha interpretación do espazo, un laboratorio, un conservatorio, unha escola dos itinerarios e dos camiños, onde os espazos de testemuña son conservados e xestionados en estreita colaboración coa comunidade para amosarlles á propia comunidade e ós visitantes como o binomio home-natureza resolvía noutrora as súas necesidades e fornecía, asemade, un desenvolvemento sostido da poboación.

 

Así pois, o territorio é o elemento clave para vencellar e entender o patrimonio cultural e natural e a historia do desenvolvemento social da comunidade que o habita.

 


 

A DINAMIZACIÓN DO PATRIMONIO MARÍTIMO E FLUVIAL

 

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) nace no ano 1993, ó abeiro dunha xuntanza de embarcacións tradicionais celebrada en Ribeira, co obxectivo de defender, divulgar e dinamizar o Patrimonio Marítimo de Galicia (mais adiante tamén o Fluvial), particularmente as embarcacións tradicionais que o integran. Dende o seu inicio a FGCMF caracterizouse polas realizacións das seguintes accións:

 

·        Fomento do asociacionismo cultural nas vilas e lugares costeiros

·        Recuperación de embarcacións e tipoloxías tradicionais

·        Realización de investigacións no eido patrimonial costeiro e marítimo

·        Incorporación do patrimonio vencellado ós ríos

·        Dinamización das embarcacións mediante a realización de regatas e exhibicións conxuntas

·        Difusión do patrimonio marítimo e fluvial galego

 

O intercambio de experiencias con outros territorios europeos no tratamento e no deseño de accións de recuperación do patrimonio marítimo, a súa posta en valor e o seu aproveitamento económico, foron elementos esenciais na definición do camiño a seguir pola FGCMF. As continuas saídas da Federación a outras zonas de Europa, e moi especialmente a Francia, non só serviron para representar a singularidade e riqueza do patrimonio marítimo de Galicia, senón tamén para aprender doutras experiencias e darlle unha maior dimensión á propia FGCMF.

 

Actualmente a FGCMF está integrada  por 43 colectivos, que inclúen asociacións deportivas, culturais e mesmo colexiadas.

 


 

OS ENCONTROS DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS.

 

 

 

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), convoca cada dous anos dende o ano 1993, a celebración dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia entre as súas asociacións. A este evento están convidados tódalas asociacións pertencentes á FGCMF e entidades afíns, tanto de Galicia como de Portugal, Irlanda, Francia, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Levante ou Illas Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.

O Encontro consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer: xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, musica e danza tradicional, artesanía, etc..

A celebración dos mesmos, ten por obxecto principal poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo. Por outra banda, o Encontro serve para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, é ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para os cidadáns e visitantes da vila que acolle os Encontros.

 

O paso das edicións supuxo un chanzo no desenvolvemento de accións no eido da cultura marítima e fluvial, manifestándose nun incremento continuado  no número de asociacións, de proxectos de recuperación de embarcacións tradicionais e mesmo de publicacións e revistas de cultura marítima.

 

A partir do ano 2003 ós apoios dende a Consellería de Pesca da administarción autonomica únese o Museo do Mar de Galicia, co que se establece un programa de actuacións máis amplo que abrangue xornadas técnicas, o pavillón dos museos ou o convite oficial a un país.

 

No 2007, ano da última edición desenvolvida en Ferrol, a colaboración da administración é un feito indispensable para poder concebir a dimensión acadada polo evento. O Encontro converteuse no referente na Peninsula Iberica, pois trátase no maior acontecemento destas caracteristicas á vez que punto de encontro dos diferentes axentes.

No eido europeo, a presenza da FGCMF vén marcada fundamentalmene pola transcendencia do Encontro e supón o maior escaparate da riqueza do noso patrimonio. Froito deste traballo foron os convites feitos para que a cultura maritima e fluvial de Galicia fose convidada de honra nas festas de Douarnenez no 2004 e na de Brest no 2008, as maiores concentracións mundiais de embarcacións tradicionais.

 

Froito desta traxectoria é o papel que ten asumido na Confederación Ibérica de Cultura Maritima e Fuvial, onde é referente, e mesmo nas relacións coa European Maritime Heritage, asociación de carácter europeo que conta co abeiro da Unesco.

SEGUINTE